Friday 03 de May de 2024

Xornada sobre o ciclo da auga no CEP de Carreira


O alcalde de Ribeira, Luís Pérez e o concelleiro do Mar, Fernando Abraldes, visitaron o CEP de Carreira durante unha xornada de formación sobre o ciclo da auga levada a cabo por Viaqua.

Aqualogía é un programa educativo para escolares de Educación Primaria; que presenta a auga dende unha perspectiva acorde cos retos e oportunidades do noso mundo actual e futuro. É un programa adaptable, actual e didáctico, con contidos sobre como chega a auga ás casas e que tratamentos se realizan para que sexa potable ou para devolvela ao medio natural. Ademais, afonda sobre temas de medio ambiente, como a importancia da auga, a sostibilidade e o cambio climático.

Viaqua pon a disposición dos colexios que o soliciten a opción dun obradoiro na aula no que mediante diferentes recursos, xogos e experimentos interactivos e adaptados a cada ciclo, traballarán na clase ou dende a casa os usos da auga.
“O ensino sobre o ciclo da auga proporciona ao alumnado unha base sólida para comprender os retos relacionados coa auga aos que se enfronta o noso planeta.” destacou o alcalde Luís Pérez. “Desde a escaseza de auga en certas rexións ata a contaminación das fontes de auga doce, a educación do ciclo da auga capacita aos mozos e mozas para comprender os problemas ambientais e buscar solucións sostibles.”

Deja un comentario